10 feb 2016

LOE e LOMCE

O obxectivo da EDUCACIÓN debe ser o desenvolvemento das capacidades persoais de todos os individuos compensando as desigualdades e necesidades educativas que se poidan presentar. Facendo efectivo o mandato Constitucional expresado no artigo 27.2 polo que a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais.


A LOE, Lei Orgánica 2/2006 de 3 de Maio, de Educación, ten como principios fundamentais a esixencia de proporcionar unha educación de calidade para todos os ciudadáns en todos os niveis do sistema educativo que debe conseguirse mediante a colaboración de todos os membros da comunidade educativa. As familias haberán de colaborar estreitamente e deberán comprometerse co traballo cotiá dos seus fillos e fillas e coa vida dos centros docentes. Os centros e o profesorado deberán esforzarse por construír ámbitos de aprendizaxe ricos, motivadores e esixentes. As Administracións educativas terán que facilitar a todos os compoñentes da comunidade escolar o cumprimento das súas funcións, proporcionándolles os recursos que necesitan e reclamándolles ao mesmo tempo o seu compromiso e esforzo. A sociedade, en suma, haberá de apoiar o sistema educativo e crear un ámbito favorable para a formación persoal ao longo de toda a vida. Soamente o compromiso e o esforzo compartido permitirán a consecución de obxectivos tan ambiciosos.

Por outra banda a LOMCE, Lei Orgánica 8/2013, de 9 de Decembro, para a mellora da calidade educativa, que modifica a LOE, recoñece no seu preámbulo que a aprendizaxe na escola debe ir dirixida a formar persoas autónomas, críticas, con pensamento propio. A educación é o principal instrumento de mobilidade social, de superación de barreiras económicas e sociais e xeradora de aspiracións e ambicións realizables por todos. Todos os estudantes posúen talento, e resulta importante resaltar esta afirmación, “TODOS” sen excepción. O reto dunha sociedade democrática é crear as condicións para que os alumnos e alumnas poidan adquirir e expresar os seus talentos, en prol da igualdade e a xustiza social.

A axeitada resposta educativa a todos os alumnos concíbese a partir do principio de inclusión, entendendo que unicamente dese modo se garante o desenvolvemento de todos, favorécese a equidade e contribúese a unha maior cohesión social. A atención á diversidade é unha necesidade que abrangue a todas as etapas educativas e a todo o alumnado. É dicir, trátase de considerar a diversidade do alumnado como principio e non como unha medida que corresponde ás necesidades duns poucos.

A Lei trata así mesmo da compensación das desigualdades a través de programas específicos desenvolvidos en centros docentes escolares ou en zonas xeográficas onde resulte necesaria unha intervención educativa compensatoria, e a través das bolsas e axudas ao estudo, que teñen como obxectivo garantir o dereito á educación aos estudantes con condicións socioeconómicas desfavorables.

O título I relativo ás ensinanzas e a súa ordenación establece os principios pedagóxicos en educación infantil, primaria e secundaria así como a avaliación. Na educación primaria porase especial énfase na atención á diversidade do alumnado e na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten as dificultades. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización de avaliacións se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades educativas especiais. Prestarase especial atención, personalizada para cada alumno, na realización de diagnoses precoces e no establecemento de mecanismo de reforzo para acadar o éxito escolar. Na educación secundaria os centros elaborarán propostas pedagóxicas dende a consideración da atención á diversidade e do acceso do alumnado á educación común, arbitrando métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe dos alumnos, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos, e promovendo o traballo en equipo.

Co fin de garantir a equidade, o título II aborda os grupos de alumnos e alumnas que requiren unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar algunha necesidade específica de apoio educativo, e establece os recursos precisos para acometer esta tarefa co obxectivo de lograr a súa plena inclusión e integración. Inclúese concretamente neste título o tratamento educativo das alumnas e alumnos que requiren determinados apoios e atencións específicas derivadas de circunstancias sociais, de minusvalía física, psíquica ou sensorial ou que manifesten trastornos graves de conduta.