10 feb 2016

ACOSO ESCOLAR

LEI 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación dacomunidade educativa. DECRETO 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que sedesenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia eparticipación da comunidade educativa en materia de convivenciaescolar.

Esta lei parte da convicción de que sen un ambiente de convivencia nos centros educativos baseado no respecto mutuo non é posible dar cumprimento aos fins da educación nin permitir o aproveitamento óptimo dos recursos educativos que a sociedade pon á disposición do alumnado e, polo tanto, das familias. Para conseguir este obxectivo é necesaria a implicación de todos os membros da comunidade educativa -nais e pais, profesorado, persoal de administración e de servizos e alumnado-, así como da propia Administración educativa
A lei incide moi especialmente na corresponsabilidade das nais e pais ou titoras ou titores na devandita tarefa, e por iso vincula a regulación da convivencia nos centros docentes ao establecemento de canles para a participación directa daqueles no ensino e no propio proceso educativo.


DECRETO8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa enmateria de convivencia escolar.

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento regulamentario do réxime xurídico de convivencia recoñecido na lexislación básica do Estado e na Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

No segundo capítulo do título II, establécense os documentos e recursos complementarios sobre convivencia escolar, defínese o obxecto, os fins e os principios do plan de convivencia, os obxectivos xerais e a súa estrutura. Para cerrar este capítulo, recóllense unha serie de actuacións, programas e medidas complementarias para a mellora da convivencia nos centros docentes.


PROTOCOLO XERAL DE PREVENCIÓN, DETECCIÓN E TRATAMENTO DO ACOSO ESCOLAR E CIBERACOSO



O fenómeno do bullying ou acoso escolar vén definido como “unha conduta de persecución física e/ou psicolóxica que realiza un alumno ou alumna contra outro, ao que elixe como vítima de varios ataques” (Dan Olweus). Trátase, polo tanto, dunha situación continuada no tempo e de grande intensidade, na que unha das partes se sente poderosa e asume o papel de agresor ou acosador, en tanto que a outra, máis vulnerable, asume o papel de vítima ou acosada. Polo tanto, malia a alarma social creada por veces nos medios, non debe confundirse unha situación de acoso con pelexas puntuais ou con situacións nas que as dúas partes se atopan en situacións de igualdade. Así, na Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, abórdase por primeira vez no plano lexislativo o tratamento de situacións de acoso, partindo da definición destas situacións de acordo cos criterios xeralmente admitidos pola comunidade pedagóxica e inclúe a problemática derivada do mal ou inadecuado uso das novas tecnoloxías e, ademais, recóllense os principios de protección integral das vítimas e de primacía do interese e protección destas no tratamento do acoso escolar. Finalmente, e xa no seu artigo 30, disponse que cada centro docente incluirá un protocolo para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar no seu Plan de convivencia.

Unha vez detectados indicios da existencia no centro dunha posible situación de acoso escolar, é necesario coñecer cales son as medidas que deben ser adoptadas, posto que unha intervención rápida e efectiva que implique a toda a comunidade escolar (alumnado, familia e docentes) pode evitar un agravamento da situación. Para isto, é conveniente ter establecido un claro plan de actuación onde se recolla un conxunto de medidas destinadas a frear e paliar a situación de acoso. O protocolo de actuación ten por obxecto que o profesorado dun centro educativo saiba como actuar nos posibles casos de acoso, pois é imprescindible que se actúe de xeito inmediato e decidido tanto co alumnado implicado (vítima, agresor ou agresores e espectadores) coma coas súas familias. O seguimento dun protocolo estandarizado é prescritivo para os centros escolares e contribúe a organizar a intervención, concretando as fases e dimensións que se deben prever, proporcionando pautas de actuación ou orientacións en situacións nas que se require un procedemento sistemático para a identificación e resolución do problema. En consecuencia, este protocolo de actuación ante un posible caso de acoso escolar ten un carácter básico, sen prexuízo de que cada centro educativo poida adaptalo ou amplialo en función do seu contexto ou das peculiaridades do caso. Trátase, pois, dun protocolo base que necesita ser contextualizado ou adaptado ao centro e ao seu contorno para, finalmente, ser incluído nos documentos institucionais dos respectivos centros, promovendo o tratamento integrado da convivencia.