10 feb 2016

DOCUMENTOS DO CENTRO ESCOLAR

DOCUMENTOS DO CENTRO ESCOLAR

A LOE recoñece no artigo 120 que os centros disporán de autonomía pedagóxica, de organización e de xestión no marco da lexislación vixente e nos termos recollidos na presente Lei e nas normas que a desenvolvan. Os centros docentes disporán de autonomía para elaborar, aprobar e executar un proxecto educativo e un proxecto de xestión, así como as normas de organización e funcionamento do centro. As Administracións educativas potenciarán e promoverán a autonomía dos centros, de forma que os seus recursos económicos, materiais e humanos poidan adecuarse aos plans de traballo e organización que elaboren, unha vez que sexan convenientemente avaliados e valorados.


Os documentos do centro son aqueles textos ou documentos elaborados polos propios centros e polos seus órganos de goberno e que serven para desenvolver a marxe de autonomía do centro. Os documentos institucionais do centro pódense dividir en tres grupos relativos ao regulamento de réxime interior, ao proxecto de xestión económica e ao proxecto educativo.

DOCUMENTOS PROPIOS DO PROXECTO EDUCATIVO DO CENTRO

- PROXECTO EDUCATIVO
- PLAN XERAL DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
- PLAN DE CONVIVENCIA
- NORMAS DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO CENTRO
- CONCRECIÓN CURRICULAR
- PLAN DE ACCIÓN TITORIAL
- PLAN T.I.C.
- PROGRAMACIÓN XERAL ANUAL
PLAN XERAL DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE (PXAD)

Este é o documento reitor das actuacións no centro en favor da DIVERSIDADE. Regulado polo Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

ESTRUCTURA DO PXAD (artigo 12)
As medidas de atención á diversidade son aquelas actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado. Estas medidas clasifícanse en ordinarias e extraordinarias e estarán recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade e nas concrecións anuais de dito plan. O Plan Xeral de Atención á Diversidade incluirá, cando menos:
1. Xustificación baseada no contexto.
2. Identificación e valoración das necesidades.
3. Determinación dos obxectivos.
4. Descrición das actuacións, medidas e/ou programas para a atención á diversidade.
5. Determinación dos criterios para a organización e distribución dos recursos e a aplicación das medidas propostas.
6. Concreción das actuacións dos distintos profesionais en relación coas medidas deseñadas para o centro.
7. Mecanismos de coordinación e colaboración internos, así como con outras etapas educativas e cos centros adscritos ou de adscrición.
8. Canles de colaboración coas nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado e cos diferentes servizos externos ao centro.
9. Protocolos para a solicitude e/ou autorización das medidas extraordinarias.
10. Procesos de seguimento, avaliación e mellora do plan.

MEDIDAS ORDINARIAS (artigo 8): 
-Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado. 
-Adecuación das programacións didácticas á contorna e ao alumnado. 
-Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos e outras que promovan a inclusión.
-Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos e outras que promovan a inclusión.
-Aulas de atención educativa e convivencia e medidas e actuacións destinadas á mellora da convivencia.
-Desdobramentos de grupos.
-Reforzo educativo e apoio do profesorado con dispoñibilidade horaria.
-Programas de enriquecemento curricular.
-Programas de recuperación.
-Programas específicos personalizados.
-Programas de habilidades sociais.

A elaboración dos PXAD será responsabilidade dos departamentos de orientación, ou os recursos equivalentes nos centros privados concertados, de acordo coas directrices da Comisión de Coordinación Pedagóxica e as achegas dos departamentos e/ou equipos de ciclo. O Plan Xeral de Atención á Diversidade será aprobado polo consello escolar, por proposta do claustro do profesorado, e pasará a formar parte do proxecto educativo. O equipo directivo será o responsable do desenvolvemento, seguimento e avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade. Ao comezo de cada curso os D.O. elaborarán a proposta da concreción anual do Plan Xeral de Atención á Diversidade, que debe formar parte da programación xeral anual. Ao final de cada curso, o Departamento de Orientación de cada centro elaborará a correspondente memoria do Plan Xeral de Atención á Diversidade, e establecerá, de ser o caso, as pertinentes propostas de mellora. Esta memoria incorporarase á memoria do Departamento de Orientación e, en consecuencia, á memoria anual do centro. O equipo directivo incorporará a concreción anual do Plan Xeral de Atención á Diversidade á programación xeral anual, e velará polo seu cumprimento, avaliación e memoria. Corresponde aos servizos de Inspección Educativa supervisar a elaboración, desenvolvemento e avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade, así como prestar o asesoramento necesario para tales fins.


PLAN DE CONVIVENCIA (PCO)


Documento reitor das actuación en favor da CONVIVENCIA no centro. No preámbulo do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, se define o plan de convivencia como un proxecto de reflexión e pensamento en que se sinalan as liñas de actuación para a mellora da convivencia no centro docente, e por iso o proxecto educativo de cada centro incluirá un plan de convivencia que recolla e desenvolva os fins e principios establecidos no artigo 3 da Lei 4/2011 e os regulados nas leis orgánicas sobre a materia. Os axentes responsables identifícanse no capítulo I do título II: son a comunidade educativa no seu conxunto, o consello escolar, a comisión de convivencia, o claustro do profesorado, o equipo directivo, os órganos de coordinación docente e o Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia. O plan de convivencia será elaborado pola comisión de convivencia ou, cando esta non estivese constituída, polo equipo directivo, e será aprobado polo consello escolar do centro.


ESTRUCTURA DO PLAN DE CONVIVENCIA

a) A análise da situación, partindo dun diagnóstico previo da convivencia no centro.
b) Os obxectivos específicos do plan de convivencia derivados da análise previa.
c) Descrición das actuacións, das medidas ou dos programas que se van desenvolver para favorecer a convivencia, incluíndo medidas preventivas e de sensibilización e actuacións organizativas, curriculares e de coordinación, entre outras.
d) O protocolo para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, de conformidade co establecido no artigo 30.2 da Lei 4/2011, do 30 de xuño.
e) Concreción, en cada unha das actuacións, das medidas ou dos programas, das persoas ou dos órganos responsables, das persoas destinatarias e dos procedementos que se van seguir para o seu desenvolvemento e execución.
f) Normas de convivencia do centro, coa concreción dos dereitos e deberes dos diferentes membros da comunidade educativa, así como un protocolo que contribúa á detección.
g) Establecemento das condutas contrarias á convivencia e das correccións que correspondan ao seu incumprimento que, de ser o caso, aplicaranse, de conformidade co establecido neste decreto en desenvolvemento da Lei 4/2011 e demais normativa que sexa de aplicación.
h) As normas específicas para o funcionamento da comisión de convivencia do centro, a súa composición, a periodicidade das reunións e o plan de actuación e, de ser o caso, da aula de convivencia inclusiva ou da escola de nais e pais.
i) Mecanismos de coordinación e colaboración interna no centro, coas familias e con outros centros educativos ou organismos do contorno.
j) Estratexias para realizar a difusión do plan de convivencia.
k) Procesos de seguimento, avaliación e mellora do plan de convivencia.

Na sección 3ª defínense as actuacións, programas e medidas para a mellora da convivencia nos centros:
1. Actuacións organizativas, curriculares e de coordinación. Debe considerarse, especialmente, a organización do centro e da aula; a coordinación das actuacións docentes; a programación e desenvolvemento do currículo; as estratexias metodolóxicas; a avaliación do progreso do alumnado e da práctica docente; e as actividades complementarias e extraescolares.
2. Actuacións dirixidas a garantir a participación da comunidade educativa, incluída a for­mación co obxectivo de mellorar a convivencia escolar e a resolución pacífica de conflitos.
3. Actuacións dirixidas á prevención de condutas contrarias ás normas de convivencia, incluíndo a difusión de normas e accións de sensibilización e protocolos de detección temperá.
4. Protocolo para a prevención, a detección e o tratamento das situacións de acoso escolar, que incorporará, como mínimo, as seguintes previsións:
  • Realización de campañas de sensibilización contra o acoso escolar, dirixidas a toda a comunidade educativa, que axuden a previlo e a preparar para detectalo e reaccionar e intervir fronte a este.
  • Establecemento de canles específicas que faciliten ás vítimas a exteriorización das situacións de acoso escolar.
  • Determinación das medidas que deben adoptarse en caso de detección dunha situación de acoso escolar para pórlle fin, sen prexuízo das correccións disciplinarias que correspondan. En todo caso, preverase a designación, pola persoa titular da dirección do centro ou titular do centro concertado, dunha persoa responsable da atención á vítima de entre o persoal do propio centro docente. Esta designación procurarase que, cando sexa posible, recaia sobre unha persoa con que a vítima garde unha relación de confianza ou proximidade.
5. Medidas que se poden aplicar no centro para previr, detectar, mediar e resolver os conflitos que poidan xurdir, entre as cales se incluirán os compromisos de convivencia, as actuacións preventivas e que contribúan á detección da conflitividade e a conciliación ou mediación na resolución dos conflitos que puidesen xurdir, de conformidade co establecido neste decreto. 6. Medidas ou programas específicos para promover a convivencia no centro, que fomenten o diálogo, a corresponsabilidade e a cultura de paz.

A comisión de convivencia elaborará, ao rematar cada curso escolar, a correspondente memoria do plan de convivencia do centro, de acordo cos datos e coas conclusións extraídos do proceso de seguimento e avaliación e coas propostas de mellora que se consideren necesarias. O consello escolar, en pleno, por proposta da súa comisión de convivencia, aprobará a memoria do plan de convivencia elaborada por esta. Esta memoria formará parte da memoria anual do centro.

Aos servizos de Inspección Educativa correspóndelles supervisar a elaboración, o desenvolvemento e a avaliación do plan de convivencia do centro, así como prestar o asesoramento necesario para tales fins.